A cooperación na Economía Solidaria

A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.

Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.

O principio de

COOPERACIÓN

Ao contrario do individualismo e a competencia imperantes no capitalismo, a Economía Solidaria entende a cooperación como unha proposta de autoorganización baseada no apoio mutuo e a solidariedade, dirixida á satisfacción de necesidades e ao logro do ben común. Para logralo, tece redes de cooperación que impulsen unha axenda colectiva transformadora e se convertan en espazos que promovan a democracia directa e a ética da participación, a horizontalidade e o respecto da autonomía, o apoderamento de quen participa e a redistribución do poder.

Desde esta perspectiva, os procesos de cooperación favorecen a corresponsabilidade, o traballo colaborativo, a deliberación colectiva, os saberes compartidos e a aprendizaxe mutua. Valores e prácticas necesarias para a construción de organizacións e iniciativas alternativas, así como para o desenvolvemento dun modelo socioeconómico solidario, igualitario e diverso.

A Economía Solidaria promove unha cultura de cooperación e interdependencia entre organizacións para superar o modelo de competencia que illa persoas e comunidades. Herdeira do legado histórico do mutualismo e o cooperativismo, compartido con outros movementos sociais críticos e con outras economías transformadoras, a cooperación promove o desenvolvemento de estratexias colectivas e plurais baseadas en compartir coñecementos, traballar en rede e pór en común esforzos e recursos. Todo isto facilita o enriquecemento mutuo e a expansión de formas de intervención e xestión máis democráticas, solidarias, equitativas e sustentables.

A cultura cooperativa permite ás organizacións compartir visión e valores. A súa dimensión educativa, ademais, favorece un coñecemento máis axustado da diversidade do territorio e da vida comunitaria. En último termo, a Economía Solidaria promove a cooperación como elemento central para a construción de relacións económicas colaborativas, democráticas e transparentes.

Para desenvolver este principio proponse:

Favorecer a cooperación no canto da competencia, tanto no interior como fóra das organizacións

Xerar espazos de participación nas propias entidades para todas as persoas implicadas: socias, traballadoras, beneficiarias de servizos etc.

Fomentar relacións de traballo en rede baseadas na confianza mutua, que respecten a autonomía das entidades e promovan o seu fortalecemento

Deseñar e compartir ferramentas de intercooperación na produción cooperativa de produtos e servizos, no sostemento colectivo de instrumentos de financiamento ético, no despregamento do Mercado Social ou na promoción do consumo cooperativo en eidos como a alimentación, a enerxía, a vivenda, a cultura etc.

Impulsar o artellamento en rede das organizacións para o seu despregamento en todos os ámbitos (local, rexional e internacional), así como promover a cooperación público-social-comunitaria para a execución de políticas que desenvolvan a Economía Solidaria, tanto local como internacionalmente

Impulsar modelos de gobernanza democráticos, que respecten a autonomía como principio de liberdade, garantan o exercicio da corresponsabilidade e a autoxestión, e desenvolvan ferramentas que posibiliten o apoderamento, a igualdade de oportunidades, o respecto e a implicación corresponsable

Atender e acompañar colectivamente as distintas necesidades das persoas e das entidades, así como as diversas situacións de vulnerabilidade e fraxilidade

Impulsar estratexias para favorecer e canalizar a intercooperación entre entidades, reforzando a dimensión económica da cooperación, entendida como unha estratexia empresarial colaborativa baseada no fortalecemento conxunto

Promover e participar en campañas, proxectos e iniciativas comúns que amplíen a capacidade de incidencia e o impacto das iniciativas transformadoras

Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?

EQUIDADE

TRABALLO DIGNO

COOPERACIÓN

SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA

REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA

COMPROMISO
COA CONTORNA

A Carta da Economía Solidaria, nun clic

Carta de Principios de la Economía Solidaria

Lee o descarga el texto completo en castellano

Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)

Lee o descarga el texto completo en galego

Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)

Lee o descarga texto completo en euskera

Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)

Lee o descarga el texto completo en catalán